Alégranos dicir que xa podedes disfrutar de AeA 17 tanto en formato físico como en formato online (2https://issuu.com/revistaaquieagora/docs/aea_2017).
Deixámosvos aquí a edición que abre este ano a revista! Esperamos que a disfrutedes!
Liberdade. Que bonita palabra.
Canto promete, canto fai soñar…pero realmente algún día poderemos
experimentala? Creo que todos vivimos atrapados tras un muro que acaba por ser
un lugar onde agocharnos, un refuxio. E é que detrás del, todo nos queda
demasiado lonxe. A excusa perfecta para quedarnos á marxe dos problemas alleos.
Queixámonos continuamente de todo o que a sociedade nos impón, pero en certa
medida, seguirlle a corrente axúdanos a permanecer na nosa zona de confort.
Saltar as barreiras nunca é doado e non sempre nos interesa.
Querido lector, querida lectora, se
estás a ler isto acabas de sobrepasar un aramado. Quizais sexa máis metafórico
do que me gustaría, pero espero que nestas follas leas artigos con palabras libres.
Porque un ano máis, nós non nos calamos. Seguímonos queixando, opinando sobre
diversos temas, informando e falando de política. Sen deixar de lado aqueles
artigos dirixidos máis ao entretemento, porque hai valados de moitos tipos e
tamén é importante derrubar de vez en cando aquelas barreiras que nos fan ser
distantes. Por iso, tampouco falta a mítica sección do “Dime que”, algunha que
outra entrevista, ou as fotos a modo
de lembranzas.
Hoxe en día, non facemos máis que
poñernos barreiras. A nós mesmo e aos demais. Un día é unha fronteira en
Melilla, mañá un muro levantado por Trump e dentro dunha semana es ti dicíndote
a ti mesmo que non merece a pena loitar. Así que, xa que AeA me cede a palabra
un ano máis, apetéceme dicir que quedarse á marxe e ver a vida pasar detrás dun
arame, non debería ser unha opción. Que, calquera cousa, por moi insignificante
que poida parecer, como esta revista, é importante para mover o mundo.
Laura López Pereiro
Maio 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario