24.5.11

O noso entroido

Por un despiste no proceso de maquetación, parte da reportaxe de Ruth Fernández sobre o entroido en Galicia aparece descolocada en Aquí e Agora 11 e non se pode ler. Foi un fallo noso polo que pedimos desculpas aos lectores e lectoras e á autora.
A modo de enmenda pegamos aquí o texto orixinal de Ruth:

O noso Entroido

Este ano decidín pasar o Entroido mergullada de cheo no triángulo máxico ourensán: de Verín a Laza e de aquí a Xinzo de Limia, coas súas características Pantallas. Iso si, achegándome a Viana do Bolo para ver de preto os Boteiros, ata o de agora descoñecidos para min, uns personaxes típicos do Entroido do lugar que comparten cos de Vilariño de Conso o seu aspecto, malia as diferenzas que atopan os oriúndos de cada lugar. Vivino intensamente… gozando da gastronomía típica do Entroido dende a véspera ao Xoves de Comadres, onde Verín se vestiu de gala para dar a entrada aos días grandes destas festas. Cos Cigarróns baixando do Castelo de Monterrei fixen un agasallo á miña vista, xa que sinto verdadeira paixón por esta singular máscara do Entroido ourensán, e entre Cigarróns e Peliqueiros desfrutei da festa do Entroido máis ancestral. Destes últimos dise que datan do século XVI, cando os Condes de Monterrei, exercendo o seu poder na comarca, facíanos funcionar como cobradores de tributos. Con 25 quilos ao lombo, o Cigarrón sae polas rúas de Verín facendo notar o seu orgullo a todos os que se achegan para contemplar un dos entroidos máis sonados da nosa xeografía, sen dúbida. Do Domingo Fareleiro ou Borrallento ao Martes de Entroido, pasando polo Xoves de Compadres, o Domingo Corredoiro ou Oleico, o Xoves de Comadres e o propio Domingo de Entroido. Son días de festa asegurada!

Como anticipei, no Carnaval concedemos especial atención á gastronomía. En ningunha mesa faltan a cachucha, as unllas de porco, os chourizos e o botelo ou as androias. Grelos, orella e lacón. O porco é o produto estrela nesas datas. O Entroido é sinónimo de festa rachada en moitos puntos de Galicia, sempre coa axuda de ceas ou xantares "hipercalóricos", abusando da comida ata chegar a un postre ao que ninguén pode resistirse: as filloas con mel, as torrixas e as orellas de Entroido poñen a guinda á festa pagá.

Don Carnal preside esta celebración ata o Mércores de Cinsa, deixando paso, tras o tradicional enterro da Sardiña (a queima do papagaio Ravachol en Pontevedra, que vivín algún ano), ao período da Coresma coa Semana Santa… Sentindo dentro de nós a melancolía que produce o final dunha festa, lembramos a cantiga do Entroido: "Adiós martes de entroido,/ adiós, meu amiguiño,/hasta Domingo de Pascua/ non comerei máis touciño".

No famoso libro de Juan Ruiz, Arcipreste de Hita, a Coresma vese como a personificación do xaxún, da abstinencia, en definitiva, da confesión, mentres que don Carnal no Libro de buen amor remite ao desexo e á gula, xunto a todo o que entendemos polos pecados da carne. Lembremos a seguinte cita: “a ti, Carnal goloso, que nunca te has de hartar/ el Ayuno en mi nombre, te va a desafiar”. Tras a loita, don Carnal recibe a penitencia de que “por tanto pecado/ comiera cada día un manjar señalado/ y nada más comiese, para ser perdonado”. Eses manxares eran garavanzos con aceite, migas, espinacas, lentellas con sal, pan e auga, fabas... alimentos que nada tiñan que ver cos que tanto gozaba don Carnal na obra medieval, caracterizado coma goloso, soberbio, sañudo e poderoso. A loita entre os dous exércitos fai que saian á luz todo tipo de carnes, incluída a caza, fronte aos peixes e as verduras que permite a Igrexa, institución parodiada por prácticas como a venda de bulas.

Máis alá do triángulo máxico ourensán están as máscaras dos Volantes de Chantada, os Xenerais en Boqueixón, A Estrada e Silleda. Pero non quero esquecerme de máscaras acabadas de descubrir nas miñas pescudas sobre o Entroido: a "Mázcara" de Manzaneda, os Felos de Maceda, os Troteiros de Bande ou as Teixugueiras de Cartelle. E tampouco me olvido, como non podía ser doutro xeito, do Oso de Salcedo, na provincia de Lugo, nativo da Pobra de Brollón, que sae á rúa acompañado polos seus criados para asustar os viandantes.

En canto ás peculiaridades de cada zona, convén sinalar os rasgos máis representativos das máscaras ou traxes típicos de lugares coma Xinxo de Limia, Verín ou Laza. No Carnaval de Xinzo o traxe típico son as Pantallas, composto de camisa e calzón brancos, capa vermella ou negra, pano case sempre roxo, polainas negras e zapatos da mesma cor. Non poden faltar nin a faixa vermella cinguida nin as campaíñas, así como as dúas vexigas de vaca secas e infladas que levan na man e que contribúen a facer tan característico ruído. Nese concello o Entroido é o máis longo, tendo xa nos domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro xornadas de auténtica troula. A Pantalla, símbolo do Carnaval na vila, ten unha peculiar función: vixiar que ninguén ande pola rúa sen disfraz. Ir sen el supón ademais ter que convidar a unha ronda de viño, xa que perseguen e conducen en brazos ás súas vítimas ata o bar máis próximo para pagar uns viños ao grupo de Pantallas, que se caracterizan ademais por emitir, diante dos forasteiros e das mulleres, un son xordo que semella o dun animal que busca meter medo, mentres saltan e rodean a xente. A pantalla (carauta), que lle dá o nome a todo o conxunto, está elaborada con cartón, feltro, fariña, auga, papel de xornal e pintura. Ten trazos de diaño, con cornos e cara de sorna, adornando a parte de arriba con motivos animais ou astrais.

Pola súa parte, en Verín están os Cigarróns, para os que a orixe se sitúa nos antigos cobradores de impostos do Conde de Monterrei, que baixaban ao val facendo sonar as "chocas" para meterlle medo á xente, hoxe portando un látego co que baten aos viandantes. O 17 de xaneiro, día de S. Antón, aparecen por vez primeira. Pero é o domingo de Entroido o gran día, cando ten lugar o desfile de carrozas e comparsas, que este ano foi marabilloso. O traxe de Cigarrón consta dunha carauta de madeira pintada de xeito que se resaltan as cellas, meixelas, o bigote, un sorriso cínico e a dentadura. Na parte de follalata van pintados motivos animais e vexetais (o lobo e a lúa son frecuentes) e pola parte de atrás leva unha pelica, de pel natural ou sintética. Dende o máis alto da mitra tamén colga a crin de cabalo característica. Como roupa leva unha camisa branca e unha gravata vermella. Sobre a camisa vai unha chaquetiña curta de seda con ornamentos dourados, que ata con lazos de cores. Un pano, prendido con broches femininos remata a parte de arriba do traxe. Na cintura leva unha faixa de varias voltas e por riba dela o cinto de coiro do que penduran seis grandes chocas de cobre. Cubrindo as pernas levan un calzón curto con trenzados de lá branca e de cor, frecos e borlas, nas que predominan as cores vermellas e verdes. Viste medias brancas que se suxeitan con ligas e na man leva unha zamarra ou látego do que pende unha badana de pel e do que hai que fuxir cando os vemos avanzar cara nós.

Laza é outro extremo do triángulo do Entroido, comezando o ritual o primeiro día do ano a partir das doce da noite, cando os mozos que logo irán de peliqueiros fan soar as súas chocas. Aos folións, entendidos como procesións nocturnas con misión de desembruxo, sucédenlle o sábado as cabritadas, cantando versos coma os que seguen: "Catro cousas hai en Laza/ non as hai en toda a terra/ peliqueiros, maragatos/ as formigas e a morena". É o domingo cando se estrea o traxe de Peliqueiro, se reparte bica e licores típicos. En Laza pódense vivir rituais tan primitivos como a farrapada, a chamada xitanada dos burros, o día da morena e das formigas. Deste xeito, a praza da Picota atéigase dunha mestura de auga, de terra e de cinsa con formigas.

Cóntovos algo máis: na Gudiña, no CPI Laureano Prieto, este ano tivemos unha visita moi especial no Centro: un Cigarrón (baixo o que se agochaba unha profesora substituta que estivo no centro ata xaneiro). Os rapaces quedaron abraiados cando escoitaron sonar as chocas, cando viron que a máscara do Entroido de Verín pisaba as aulas. Tamén se celebraron o xoves de compadres e o xoves de comadres. Houbo fariñada e folión, desfile para os máis pequenos e chocolate para todos.

Ruth Fernández Fernández

(Profesora de Lingua Castelá e Literatura)

Ningún comentario: